Monday 29 de April de 2024

Dúas empresas galegas da Coruña reciben os primeiros premios de conciliación e igualdade no marco dun proxecto europeo


A compañía Tecalis Innovación recibe o recoñecemento en materia de conciliación laboral e persoal e a firma Applus+ no eido de igualdade de oportunidades
Dúas empresas galegas afincadas na Coruña veñen de recibir os primeiros premios de conciliación e igualdade que se organizan no marco do proxecto europeo Xeración de Emprego de Calidade Transfronteirizo (Poctep Gemcat), unha iniciativa á que se poden presentar aquelas empresas con sede ou actividade no espazo transfronteirizo. Con estes galardóns recoñecerase, deste xeito, a compañías cunha traxectoria destacada na implantación de políticas de conciliación e igualade.

A compañía Tecalis Innovación recibiu o recoñecemento á mellor iniciativa galega en materia de conciliación laboral e persoal e a firma Applus+ no eido de igualdade de oportunidades. A primeira edición destes galardóns celebrouse en Porto (Portugal). Resultaron tamén premiadas na categoría de conciliación laboral e persoal as empresas BMVIV de Viana do Castelo, Lider Aliment de Badajoz e Plus Contacto Servicios Integrales de León. No eido de igualdade de oportunidades obtiveron tamén un galardón Flexicel Portugal de Braga, Lider Aliment de Badajoz e o grupo Aspasia Ibecon de Valladolid.

En total, presentáronse 32 candidaturas. Máis da metade delas procederon de pequenas e medianas empresas e por actividade o 72% pertencían ao sector servizos.

O obxectivo principal desta actuación, que promove a Xunta, é fomentar e incentivar a incorporación da igualdade de oportunidades e a conciliación da vida laboral, familiar e persoal na xestión dos recursos humanos das organizacións, visibilizando a aquelas que adopten estes criterios nos seus modelos de xestión e recoñecendo as boas prácticas que levan a cabo nesta materia.

A segunda edición dos premios terá lugar no mes de setembro en Valladolid e, en Galicia, os galardóns celebraranse en Santiago no mes de decembro.

En cada edición entregaranse dous premios por cada rexión que participa no proxecto europeo (Galicia, Estremadura, Castela e León e Norte de Portugal).

Para o recoñecemento en materia de conciliación, prémiase aqueles proxectos, medidas ou iniciativas empresariais para implantar a conciliación laboral na empresa que teñan un enfoque destacado na creación de emprego de calidade e para mellorar a empregabilidade dos traballadores e traballadoras. Na modalidade de igualdade de oportunidades recoñécese o labor das compañías na implantación de medidas que busquen a diversidade, a igualdade de oportunidades e a integración social.

O proxecto europeo
A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Secretaría Xeral de Emprego, consciente dos retos aos que se enfronta o mercado laboral, decidiu impulsar e liderar unha iniciativa conxunta para crear un emprego de calidade na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Así naceu o proxecto denominado GEMCAT (Xeración de Emprego de Calidade Transfronteirizo) co que se busca mellorar a capacidade institucional das autoridades públicas e outras partes interesadas, como os axentes sociais, na mellora da eficiencia das políticas públicas de estímulo para a creación e mantemento dun emprego de calidade.

Preténdese desta forma construír un marco de cooperación institucional que achegue resultados concretos e melloras tanxibles no mercado laboral transfronteirizo entre España e Portugal, a través do traballo conxunto e o intercambio de experiencias entre as comunidades autónomas que participan no proxecto e as rexións do norte de Portugal.

O proxecto Gemcat inclúe tamén actuacións para impulsar a Responsabilidade Social Empresarial (RSE) e o crecemento demográfico, ademais da conciliación e a igualdade de oportunidades.